lunes, 28 de noviembre de 2011

Sorte

Tardes de xogos e verbenas de bailes na Guía, partidas de cartas, visitas de sábado pola mañá, uns de novembro e treces de xuño de celebración, insistencia en cada bocado cando de nena me daba de comer logo de esperarnos a meu irmán e a min no colexio, sorrisos –entre outros- cando lle levabamos as notas, fins de semana na súa casa nos que axudaba a avoa a facer a súa comida, tardes “cultivando” no patio, días de verán cos catro netos, partidos do Celta que víamos xuntos no Padrón, as vodas de ouro, complicidade co meu irmán por ser os dous do Barça, arranxos que facía na casa por non ter herdado meu pai a súa destreza, historias de infancia que me contaba, fotos, a súa imaxe lendo o xornal na mecedora, o mal xenio das poucas veces que se “incomodaba” –coma el dicía-, falarlle moi preto cando xa case non oía e escoitalo sempre en galego menos cando intentaba con dificultade o castelán para que as súas netas valencianas o entendesen mellor. Lembranzas.


Frases coma “coidado cun golpe”, “hai que estudiar” –el,que apenas tivo oportunidade- o ”tes que comer, que pareces un perixel”. Tamén visitas no hospital, noites de urxencias, excepcións en Noiteboa e Fin de Ano ás comidas sen sal, días nos que o acompañei  ao médico, a derradeira vez –sen saber que o sería- que o vin e, dous días despois, a peor chamada da miña vida, hai hoxe un ano. Recordos dun home que naceu nunha aldea de Ourense, nunha familia humilde, que traballou toda a vida e creou unha familia da que se sentía orgulloso; que tiña as súas “cousas”, pero que era, sobre todo, unha boa persoa que quixen, admirei, que recordo cada día e que boto de menos porque tiven a sorte de que fose meu avó. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario